Mayo 2017
L M X J V S D
« Abr    
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
293031  

PRESENTACIÓN POÉTICAS 2010

Houbo un tempo no que a poesía deixou de ser o que era e estar onde se cría que estaba. Dos versos aos silencios, da linguaxe aos espazos baleiros, a poesía ocultábase en lugares cada vez máis remotos e incomprensibles. Alí precisamente onde non chegaba a razón situábase ela, e non había forma de sacala á luz. Daba a impresión de que aparecía só cando lle daba a gana, para logo seguir a súa viaxe sen rumbo, como un ser liberado do seu corpo.
Houbo outro tempo, antes ou despois do anterior, no que a poesía o era todo. Corrían noticias de que se coara nos telexornais, na prensa, na publicidade e na vida corrente das persoas, onde vivía camuflada con outras realidades, outros anuncios e outras noticias. Non se sabía moi ben de que tipo de poesía se trataba, e tampouco de onde arrincaba o seu entusiasmo por manifestarse coa cara limpa e luminosa. Pero alí estaba ela, sen esconderse de nada.
Entre un e outro tempo, as palabras detivéronse, avanzaron con calma, pousáronse nas miradas dos lectores e incluso atropelaron nun arranque de velocidade a máis dun espectador incauto. Foron anos duros nos que os libros competían con millóns de obxectos capaces de facer maxia e nos que a choiva de artificios deixaba sen terra os bosques.
Por fortuna, na periferia dos tempos a poesía aprendera a xestionar o seu propio futuro e nacía e renacía sen que ninguén puidese impedilo. Secretamente preparábase para a resistencia, para resistir nas peores condicións posibles, ata chegado o caso de que a escritura fose abolida.

J. Fernández

PRESENTACIÓN DO CICLO

Boas tardes, benvidos á segunda edición de Poéticas para unha vida.
Este é un ciclo de poesía que naceu coa ilusión de achegar un granito de area ao complexo universo da poesía, no que non só existen os libros escritos senón os poetas e as poetas, os comportamentos poéticos, a vida como unha poética, a vida como un modo de facer arte e de construírse a si mesma.


Poéticas para unha vida reúne este ano a 14 propostas de poesía viva, poesía oral, de acción, poesía sonora, teatro poético, polipoesía, poesía na rúa, performance e danza poesía: Diferentes modos de abordar o feito poético desde perspectivas moi distintas. Ademais, foron seleccionados 10 traballos de vídeo, de entre 52 propostas recibidas, e unha pequena colección de poesía visual que chegou ata nos a través de correo. Esta mostra pode verse á entrada, na biblioteca, no interior das taquillas, e sobre a mostra de video decir que forma parte da instalación que hai na entrada.


Poéticas para unha vida naceu co impulso da ilusión e o experimento. Aquí non hai normas escritas sobre como ha de facerse a poesía, nin tampouco se esta ha de nacer da palabra, da imaxe, ou da música. Se seica, a única norma é a vivencialidade, a fusión entre biografía e poesía. Todos os poetas que participan no ciclo teñen algo en común: o interese por poetizar tanto a súa propia vida como a realidade que lles circunda.
Aínda que isto último non sempre é posible, e con frecuencia é orixe de enfrontamento coa realidade mesma, o certo é que por baixo dos feitos pervive a intención, a decidida paixón por manter inalterado o valor primixenio da poesía, da maxia, da escritura do esencial, do que non é facilmente catalogable, e quizá tampouco razoable.


Poéticas para unha vida, nesta segunda edición, reúne autores moi coñecidos para o público galego e outros que practicamente empezan o seu labor poético. En Inéditos libres, que terá lugar o próximo día 15 as propostas son aínda se cabe, máis abertas, cedendo o espazo a persoas e grupos para os que esta será unha das súas primeiras experiencias poéticas. Tamén na selección de propostas visuais poéticas (videopoemas), atopamos artistas aos que o formato da súa actividade artística impídelles poder mostrar a súa obra, porque non existen lugares nin eventos nos que poida exporse, todo o cal faise necesario ser reivindicado desde as iniciativas artísticas y de programación.


En certo xeito, este ciclo de poesía é único, non só polo seu interese en abrir campos inexplorados na poesía senón porque nace desde a inxenuidade de quen mira cos ollos moi abertos, sen prexuízos e sen marcos que encadren a poesía. Á marxe de intentar compensar a parca existencia de ciclos e festivais semellantes no panorama ibérico, Poéticas trata de cumprir unha función de achegamento á contorna poética máis inmediato, o da propia cidade e país onde se inscribe. É por iso, que este ano parte das intervencións  serán de poetas moi próximos a nós, e tamén moi querid@s.

Leave a Reply

 

 

 

You can use these HTML tags

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>